viernes, 27 de mayo de 2022

Excursión Valadares

E chegou un momento moi agardado, unha excursión. Non fomos moi lonxe, pois quedamos en Valadares. A verdade é que a distancia pouco importaba e importou, o fundamental era poder saír e desfrutar, e vaia se o fixemos. Primeiro escoitamos música da man da Banda de Música de Valadares, logo recuperamos forzas e a xogar!!! 

Ademais, esta saída tivo de especial que a fixemos todo o centro e que puidemos desfrutar dun tempo xuntos e en natureza. E, aínda que custou, deixamos constancia cunha foto de grupo, bueno, de escola.

Queremos agradecer ao Centro Veciñal e Cultural de Valadares e á Banda de Música este convite, así como o ternos acollido tan xenerosamente nos seus espazos.




Talentos. Familia de Susi

Sempre estamos encantado@s das vosas visitas, familias, e esta vez foi a quenda de Lorena, a nai de Susi, que chegou para compartir o seu talento artístico e guiarnos na creación dunhas fermosas hortensias. Moitas grazas por acompañarnos e compartir ese tempo con nós e grazas tamén a Vinca e Rocío.

Tocou soprar e facer burbullas para logo aproximar o papel e deixar unha pegada ben chula, á que logo engadimos o rabiño e as follas. E, como quen non quere a cousa, aí estaban as nosa flores. 



lunes, 16 de mayo de 2022

Maios

Como para mirar cara o futuro e poder avanzar é fundamental saber de onde vimos, desfrutamos e consideramos fundamental coñecer as nosas raíces e tradicións, a nosa cultura. Neste caso foron os MAIOS, cas súas coplas, o seu fiuncho e os seus pampullos, os maios humanos, os seus cheiros e as súas melodías e cores.

As experiencias compartidas sempre son vividas con alegría e certo nerviosismo e mais cando vimos dun tempo no que as circunstancias nos obrigaron a estar tan separados.

Grazas á vosa axuda, familias, puidemos crear o noso maio, un maio ao que logo lle cantamos e bailamos a pesar dun sol que nos quixo acompañar con tanta forza que case nos fai perder as nosas.

Moitas grazas a todos aqueles que sempre nos botan unha man e aos que agardamos cando se aproximan estas celebracións. Desexamos que o próximo curso xa non sexa preciso gardar ningún tipo de distancia. 


domingo, 8 de mayo de 2022

Ioga

Tivemos a sorte de poder desfrutar dunha nova sesión de Ioga. Neste caso queremos agradecer a Nati que se ofrecese para guiarnos por esta divertida experiencia na que tivemos como obxectivo traballar a nosa atención e centrarnos no momento presente. Iso si, a través de diferentes xogos.

Quentamos todo o corpo con música, fixemos algunhas posturas de animais, xogamos a facer estatuas cando a música o indicaba, tivemos que recolectar pedriñas máxicas de unha en unha, fixemos debuxos cas pedriñas de cores... e levamos para casa unha pedra máxica que axuda a gardar a calma. Ah, e con axuda dunha bruma aromática. 

Grazas de novo.