lunes, 30 de octubre de 2017

Samaín

Andamos de celebración do Samaín e, como xa sabedes, e posto que este curso a cousa vai de cine, hoxe tocou poñer en práctica a improvisación. Metidos no papel de zombies decidimos asustar a algúns e algunhas que andaban polo centro, así como bailar un pouco e, con todo este material, faremos unha montaxe ca música de Thriller. O resultado non sabemos como quedará, pero podemos asegurarvos que durante o proceso o pasamos de medo. Aquí quedan unhas fotiños para que vexades que xa somos uns grandes actores e actrices.

viernes, 27 de octubre de 2017

Gran estrea de PELICULETRAS

Hoxe estivemos de estrea. Tocou inaugurar a biblioteca e, como a cousa este ano vai de cine, houbo alfombra vermella e sesión fotográfica; ademais da visita á biblioteca para buscar as nosas mochilas, esas que poñen CATRO ANOS, para ver por primeira vez todos os libros de cine que Mik deixou para nós e para coller unha desas piruletas coas que Mik nos agasalla o primeiro día. Pasámolo estupendamente.

jueves, 19 de octubre de 2017

Bicos



Xa comezou a andar o noso proxecto deste trimestre, proxecto que, como xa sabedes, trata de bicos, un elemento tan importante nas súas vidas, nas nosas vidas. Porque os bicos curan feridas, calman, dan cariño, ofrecen seguridade, regalan forza e valentía, espantan pesadelos e moitas cousas mais.

Con este proxecto temos de novo unha bolsiña especial na que gardar, ata ser compartida na aula, a información, as fotografías, os obxectos e todo aquilo que, relacionado cos bicos e con vós, sae das vosas casa cara a escola, e que será a nosa inspiración. Pero, falando de inspiración, e á marxe das vosas aportacións, que son o eixe fundamental, acompáñannos uha chea de libros e dúas cancións: unha do libro cd de Mamá cabra: Bicos de música, e un poema musicado de Antonio García Teijeiro que está recollido no primeiro cd da Banda dos cueiros. Grazas, pois, a vós e aos músic@s, escritor@s e ilustrador@s.

lunes, 16 de octubre de 2017

O noso bosque particular

Hoxe foi día de conversa sobre lumes, fume, bombeiros, medo... E hoxe decidimos comezar a crear o noso propio bosque, con esas follas que eles e elas trouxeron á aula como mostra do outono, esas que recolleron con vós un día de excursión por eses montes e bosques que nos rodean, montes e bosques cheos de natureza e fermosas paisaxes que, en moitos casos, probablemente hoxe xa non existan.
A nosa particular homenaxe, a nosa esperanza e desexo de que pronto, poidamos e poidades regresar a eles para coller follas de outono.



viernes, 13 de octubre de 2017

Conto, palomitas e película

A profe Ana e André trouxeron unha sorpresa. André contounos un conto moi chulo titulado "Dragón chef", un dragón que, por casualidade, descubre que co seu lume pode transformar as mazorcas de millo en deliciosos flocos de millo, así que, despois do conto, repartiron uns poucos que degustamos vendo un anaquiño de Madagascar. Agardamos impacientes mais sorpresas coma esta.
Deixámosvos aquí unha pequeniña mostra.

Grazas a Ana e a André.


De estrea

Tocou estrear o noso novo cabalete, un elemento mais profesional para traballar a parte artística e esa creatividade que levamos dentro. Unha tarefa, a de crear, que precisa de calma e tranquilidade entre outras cousas, motivo polo que, o novo cabalete, fixo que tivesemos que ampliar as nosas lindes. Pouco a pouco imos conquistando o centro 😉.
Aquí vos deixamos unha pequena mostra das nosas obras de arte. 


jueves, 12 de octubre de 2017

Mais Outono

Pouco a pouco imos completando a nosa decoración cas fotogtrafías que, coa vosa colaboración, van traendo para compartir na aula, e que agochan unha chea de historias, de actividades coa familia e os amigos, do contacto coa natureza e de novos descubrimentos. 

Coma sempre, grazas.


Unha doce práctica

Aquí nos tedes, desta vez repartindo e..., xa de repartir, que mellor que facelo con mini lacasitos que poidamos comer logo do traballo? A pesar dalgunha cara de angustia, que poñen para a foto, queremos repetir canto antes.

Outono

Aínda que non o pareza xa comezou o outono e, coma sempre, decidimos decorar a entrada á aula. Neste caso a inspiración viu dun libro que chegou da biblioteca para amosarnos a transformación dunha árbore rosmona e a axuda dos nenos dunha escola para mantela con vida. Foi unha desas últimas ilustracións a que escollimos para plasmala na nosa porta de outono.


Abellas

Non podíamos comezar a contar as cousas deste curso deixando atrás a nosa última saída,; a que serviu de despedida. Unha saída intensa, da que me foi difícil seleccionar algunhas das moitas fotografías que sacamos e que amosan o divertida e proveitosa que foi. Esperemos que sexa unha de moitas. Como non, tamén saídes vós, que agardades para dicirnos ata logo e desexarnos unha fantástica aventura.