domingo, 26 de noviembre de 2017

Plantando

Hoxe comezamos a nosa plantación de árbores autóctonas: castiñeiros, abeleiras, carballos, loureiros e acivros. Pouco a pouco iremos plantando todas estas sementes, que coidaremos con agarimo ata que poidamos deixalas onde deben estar, nos nosos montes. O noso gran de area para axudar á natureza está en marcha. Grazas a familia de Beltaine por cedernos as sementes e a terra.

Practicando a "suma"

Hoxe comezamos a practicar a "suma", e nada mellor que facelo con algo ben rico. Se me dan catro lacasito e logo tres, cantos terei ao final?


Cociñando: Iogur

Desta vez a nosa experiencia na cociña foi facendo iogures. Raúl, un profe de prácticas que nos acompañará durante un tempada, ten unha iogurteira, así que pareceunos unha boa idea probala na clase. A experiencia foi fantástica, aprendemos unha chea de cousas e ata algún truco para non derramar nada de leite ao botalo nos cacharros. Iso si, tivemos que agardar ata o día seguinte para probalo. Houbo quen o quixo mel, quen preferiu azucre, @s que o acompañaron dos mini lacasitos que empregamos para sumar e ata quen tripitiu. Moitas grazas Raúl.

Magosto

E chegou o Magosto e, posto que o tempo acompañou, puidemos desfrutar ao aire libre. Primeiro foron os xogos: paracaídas, carreiras de sacos e a castaña por detrás, e, despois, con ganas xa de algo quentiño, chegou a quenda das castañas. Para rematar, pintamos as caras ca cinza da fogueira; que Magosto sería se non marchásemos para casa algo suci@s?
Grazas a todos e todas as que colaboraron para que as castañas estivesen a punto, e ás familias pola materia prima e a leña.


miércoles, 22 de noviembre de 2017

Historias improvisadas

Zoe trouxo unha bolsiña chea de pedras, pero non unhas pedras calquera, estas pedras tiñan uns lindos debuxos. Ademais de ser bonitas, son especiais, gardan historias, infinitas historias que teñen a característica de adaptarse aos gustos do narrador ou narradora e do momento. Así pois, hoxe Zoe deu voz, para nós, a unha desas historias agochadas nas súas pedriñas. Grazas por ese contiño.
















domingo, 19 de noviembre de 2017

Doces bicos para tod@s

Con motivo do noso proxecto "Bicos", Martina quixo agasallarnos cun doce bico para cada un e cada unha. Así que pensou que sería unha boa idea traer unha chuche en forma de bico; coa que puxemos fin a unha xornada de xogos e castañas. Grazas a Martina e á súa familia. 


Os contos de André

Esta semana André e a súa axudante (a profe Ana) trouxeron para nós un novo conto: "La rana pirata". A historia trata sobre unha ra pirata que decide ir na procura dunha estrela azul, a mais brillante de todas, para darlle mais luz ao seu planeta. Conseguido o seu obxectivo convida aos seus amigo@s a compartir con ela a luz desta nova estrela que lles permitirá compartir xunt@s ratos ben agradables. Coma o noso.
Como fin da historia, desta vez non houbo flocos de millo, senon unha estrela azul para cada un.
Grazas pola historia e agardamos a chegada dunha nova ben pronto.


domingo, 12 de noviembre de 2017

Samaín. Película e caixas misteriosas.

Aquí tedes a nosa derradeira actividade de Samaín. Sesión de película e caixas misteriosas. Foi a profe Laura quen nos levou á biblioteca para desfrutar dunha película de monstros (Hotel Transilvania 2) e a descubrir que obxectos se agochaban nas caixas terroríficas.

miércoles, 8 de noviembre de 2017

Uxía e Roscón

Unha nova visita de Uxía e Roscón fixo que comezásemos o día con enerxía e alegría.  Bailamos, cantamos, berramos e eu que sei cantas cousas mais. Dende logo, movemento houbo, moito; e risas, moitas risas. Desta vez ata nos acompañaron á aula, un pasarrúas xenial que alegrou tamén os cambios de clase do alumnado de primaria. Moitísimas grazas coma sempre e ata pronto 😉

sábado, 4 de noviembre de 2017

Cociñando: biscoito de cabaza

Comezamos coas nosas experiencias culinarias e, como estamos na época, que mellor que empregar algo de cabaza. Iso si, para algo doce, que é unhas das cousas que mais nos gustan. Ademais deta vez decidimos darlle unha forma divertida. Mirade, mirade.

Millo

As fotos do outono de Paula chegaron acompañadas de picón, fariña milla, unha mazorca, un carozo e unha interesante explicación sobre o proceso do millo, dende que se apaña ata que se transforma en fariña e picón, así como os seus usos, maquinaria empregada e outras moitas cousas mais.  
Que riqueza poder vivir e compartir esas experiencias ca súa familia (en concreto cos seus avós) e que sorte que poida compartila con nós. Grazas a Paula e á súa familia.






Cabazas. Samaín

Aquí tedes as últimas cabazas que chegaron ata nós. Estamos encantad@s con tanta participación e tanta variedade. Moi bonitas e orixinais todas elas. Tede por seguro que, de chegar algunha mais, farémoslle un oco.



miércoles, 1 de noviembre de 2017

Samaín. Cabazas

O Samaín este ano está a ser moi completo e divertido, cunha chea de actividades; algunhas feitas na escola e outras nas vosas casas, pero que temos o pracer de desfrutar logo na aula e nos corredores, como as cabazas decoradas. Coma sempre teño que agradecer a vosa colaboración, pero desta vez aínda mais, xa que foron moitas peticións xuntas. O que vos podo asegurar é que, grazas a ela, estamos a vivir unhas experiencias magníficas.


   
Samaín