Canicouva

Mostrando entradas con la etiqueta 2025-2026. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2025-2026. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de junio de 2026

Letras Galegas

Para conmemorar as Letras Galegas o noso amiguiño Mik presentounos a Begoña Caamaño e falounos da súa faceta como periodista radiofónica, entre outras cousas, claro. 

Logo de coñecer algo da súa biografía e o seu compromiso e valores, propúxonos transformarnos en periodistas de radio, crear unha noticia e gravala. Así podiamos experimentar aquilo ao que Begoña adicou parte da súa vida profesional e, de paso, coñecíamos a radio da escola. A verdade é que foi unha experiencia estupenda. 

A noticia creámola entre tod@s e para narrala, como non podíamos ir toda aula, decidimos entre aquelas e aqueles que se presentaron voluntarios. Iso si, a coñecer a radio fomos unhas xornadas previas xuntos. 

No momento da gravación acompañounos alumnado de 6º, que viña aprender en directo como é iso de gravar.

Grazas a Mik pola proposta e, sobre todo, a mestra Ana pola súa axuda. 

Traballando xuntas chegamos mais lonxe.


 

Primeiros auxilios

Tivemos a sorte de poder contar con persoal especializado que nos explicou como reaccionar e que facer ante unha situación de emerxencia.

A que número temos que chamar, como facer se alguén perde o coñecemento, cal é a posición de seguridade e ata practicamos a chamada RCP.

Como a práctica é o fundamental, practicamos con nós mesmos e tamén cun adulto. De feito, para estar ben preparad@s escolleron para nós o adulto mais grande que había 😂 

Empregamos os nosos bonecos e tamén uns que eles trouxeron, onde a cousa xa se complicaba algo.

Moitas grazas á ANPA por esta actividade e tamén a estes profesionais que empregaron parte do seu tempo en ensinarnos a reaccionar nestas situacións. 



 

 

Día do libro

Como remate de toda a proposta para o Día do Libro estaba escribir unha carta a un compañeiro ou compañeira da escola e deixarlla no buzón da súa aula. Pois esta proposta trouxonos tamén uns buzóns estupendos. 

E como se de maxia se tratase, foi enviar nós as nosas cartas e aparecer as nosas no noso buzón. 

É certo que non nolo puxeron moi fácil para introducir as cartas no buzón, pero sempre se atopa unha solución. 

Moitas grazas compis por esas cartas que nos escribístedes con tanto cariño. 


 

domingo, 24 de mayo de 2026

Maios

As nosas tradicións son as que conforman a nosa identidade, e cando coñecemos e valoramos o noso podemos respectar e valorar o alleo. Por iso e por outras cousas valoramos a nosa participación nesta celebración. Experimentamos novidades, aprendemos cousas, rimos, desfrutamos...

Damos as grazas a todas e todos por participar, a vós familias pola vosa imprescindible colaboración e tamén a alguén que sempre se presta a axudarnos. A que con amor e vocación guía as nosas mans na confección do maio.


Como parte das tradicións de maio, tamén colgamos as xestas en diferentes partes da escola. Esas que nos han a protexer. 





 

domingo, 3 de mayo de 2026

Primavera

Cambiamos de estación e xa hai algún tempo que as cousas veñen mudando ao noso arredor. As árbores teñen follas e flores, nas que vemos alimentarse ás abellas; as bolboretas veñen visitarnos menstres xogamos ou estamos de picnic, xa recollemos floriñas que nacen entre a herba...

Pois tendo todo isto nos nosos sentidos comezamos a falar do que sucede nesta estación e decidimos que cores a caracterizan. Cada unha e cada un vai facendo as súas achegas e rematamos vendo cadros de campos e bosques primaverais. Todo fonte de inspiración para logo plasmar estas cores nun mural que colocar a carón dos das outras dúas estacións.

Empregamos de novo pigmentos naturais e desta vez imos a darnos o gusto de empregar as nosas mans para cubrir todo o papel. Logo, xa seco, facemos uso de boliñas de algodón cheas de cores. Que gracia e que pracer deixalas caer e escoitar ese chof contra o papel. Antes era verde e agora está cheo de flores de cores.

 


Madriñas e padriños lectores

Pois aquí nos tedes coas nosas madriñas e os nosos padriños. Enfrontándonos a novas situacións e nalgúns casos a novos retos, e con iso aumentando os nosos recursos e estratexias.

Tocaba deixarse guiar e acompañar, confiar noutro semellante ao que non coñecemos tanto. Escoitar un conto dun lector quizais non tan experto pero que pon todo da súa parte e que o fai cos maiores dos cariños e con gran ilusión. 

Foi unha experiencia estupenda que o tempo nos deixou desfrutar ao aire libre. Foi poñer un pé no interior e as nubes, que parecían querer escoitar os contos, comezaron a descargar. Quizáis elas tamén querían contar as súas historias.

Moitas grazas aos padriños e madriñas e a aquelas que fixeron esta proposta. 



 

Papel reciclado

Relacionado coa proposta do Día do libro fixemos papel reciclado. Tivemos que investigar algo primeiro para saber como era o proceso, pero rápido nos puxemos en marcha. Aproveitar periódicos e cortar en anacos pequenos, botar auga quente a ser posible, deixar repousar, triturar... 

Empregamos a motricidade fina, practicamos a coller ben a xerra para non queimarnos e a botar a auga sen salpicar, probamos novas texturas (para uns mais agradables e para outros menos), experimentamos a botarlle os pigmentos naturais... Bueno, como imaxinades, unha chea de cousas.

Estaba ben o de experimentar, pero esta vez tiña un obxectivo mais: facer uns marcapáxinas para o Día das madriñas e padriños lectores. Un agarimo para eses compis maiores que ían a escoller un conto pensando en nós e logo nolo ían a contar.



Día do libro

Na nosa segunda visita ao espazo adicado ao Día do libro avanzamos algo no tempo e descubrimos como era iso de escribir en papiros e pergaminos con plumas e cálamos. Ademais aprendimos que empregaban tintes naturais, parecidos a eses que usamos nós na aula. 


E despois da segunda veu unha terceira. Agora as cousas xa están mais avanzadas. Chegou a imprenta, os libros case como os coñecemos, o periódico, as enciclopedias... E aparece a máquina de escribir!!! Ten algo de semellanza co teclado do ordenador pero... como será que funciona??
Como non, experimentamos coa máquina de escribir, descubrimos a cantidade de cousas de papel e cartón que nos rodean cada día, coñecemos algo do proceso de elaboración do papel e as consecuencias que ten para o medio ambiente e as nosas vidas, a escritura en braille e, para rematar, levamos un sobre feito con follas de libros expurgados no que meter unha carta que imos a escribirlle a un compi do cole. Con quen nos emparellaría Mik? Que podemos contarlle a ese compi?
Saímos con novas experiencias e coñecementos pero tamén con novos interrogantes e propostas. Este Mik...




Grazas a Rocío por acompañarnos e a vós, pequenas e pequenos, por esas ganas por descubrir e experimentar e pola paciencia e o respecto polos espazos e os compis da nosa aula e das demais. 

 

sábado, 18 de abril de 2026

Día do libro

O noso rato Mik que non pode parar de enredar e que ben sabe o que nos gusta a nós tamén enredar cos seus enredos, preparounos toda unha proposta para o Día do Libro. Unha exposición con información sobre a evolución do papel e da escritura, sobre o proceso de fabricación do papel e as consecuencias do mesmo para a natureza, e moitas outras cousas. 

Como é moito o que hai que descubrir e explorar, pois temos moitas cousas coas que experimentar, decidimos ir en varias xornadas. 

Esta primeira, descubrimos o que é a escritura cuneiforme. E como facer o noso nome empregando esta escritura resulta algo complexo para nós, deixounos un selos coas letras que mais familiares nos resultan.

Estamos desexando volver e seguir explorando. Grazas Mik e grazas a eses trasnos do bosque que ten por axudantes.


 

  

Saída ao Parque Forestal de Saians

Bosque: árbores, paxariños, insectos, sons e cheiros... e mil cousas mais nos agasalla a natureza, esa que temos a sorte de ter tan preto da casa. 

Esta foi a nosa saída a eses bosques dos que tanto levamos falado. Desfrutamos enormemente descubrindo, observando, asombrándonos... E tamén fixemos a nosa achega, unhas boliñas de sementes que alí deixamos como aportanción a unha terra que tanto nos da e que asegura a nosa supervivencia. Quedou en nós a semente da beleza cando somos quen de observala, do coidado da contorna, do desfrute sentíndonos libres... e quedou a nosa en esperanza de flores que alimenten aos insectos que continuen coa roda da vida. 

Grazas a Elena de Alados e a Diana por acompañarnos. E grazas á natureza que nos acolleu.



lunes, 6 de abril de 2026

Búsqueda

Tocou poñer a proba as nosas dotes de pescuda. Seica había ovos de chocolate agochados pola zona exterior e tiñamos que dar con eles. Pois xunto cos compis da grupo de 4 anos puxémonos en marcha. Coidado e atención eran elementos moi necesarios. Tamén o enxeño foi posto a proba e as habilidades físicas. Iso si, non quedou un sen atopar. Logo chegou o momento de repartir e comer, ou gardar, según a decisión de cada quen.

A verdade é que foi moi divertido. Non sabemos quen tivo a idea pero gustounos. Moitas grazas.



Cociñando. Ovos de chocolate

Pois esta vez tocou experimentar con chocolate. E fixemos uns ovos ben bonitos e ben ricos.

Unha proposta na que aprendemos sobre técnicas de repostería e na que puxemos a proba, entre outras moitas cousas: a paciencia, a atención, a capacidade para seguir instrucións, o equilibrio e a motricidade, o autocontrol, e os sentidos, porque claro está que probamos a materia prima e o resultado.

Moitas grazas a Vinca por guiarnos e acompañarnos. 


 

Compartindo

Xa sabedes do noso gusto por cociñar e por comer o cociñado. Pois esta vez, unhas cousas levaron a outras e decidimos convidar ao grupo de 1º, ese no que parte de nós temos irmáns, para compartir biscoito de chocolate. É un pracer comer o que nós facemos pero tamén o é compartilo cos demais. Moitas grazas compis por acompañarnos!!



Inverno

O inverno foi pasando e nós observando. Ao igual que en outono nos fixamos nas cores que mais definían esta estación, o mesmo fixemos no inverno. Observando a contorna e os diferentes días decidimos que cores pensábamos que eran as que mellor o representaban. Tamén decidimos experimentar con elas, pero o tempo deste inverno non nos acompañou demasiado e tivemos que agardar ao último día desta estación para aproveitar os raios do sol e saír a experimentar.

Igual que no inverno as pingas de auga fan camiños nas fiestras e os regueiros os debuxan nos terreos empinados deses bosques que este curso temos tan presentes, así creamos nós os noso camiños. Vendo que sucedía cando dous deles se xuntaban, que acontecía cando un lado do papel subía mais que o outro... 

Resultou moi interesante. Agora faremos un para cada un en formato algo mais pequeno. Este grande xa forma parte da parede da escola na que imos deixando pegada dos nosos descubrimentos. 

A pesar de ter que agardar, grazas tempo e grazas inverno, vémonos de novo logo do próximo outono.




sábado, 21 de febrero de 2026

Entroido

Festa onde as haxa, vivida con intensidade na nosa terra, o Entroido chegou coas ordes do Meco. Tanto bosque, tanto bosque que...ata un niño na cabeza nos fixo traer. 

É tempo de enredar, de facer algunha trasnada, de poñer o que haxa na casa para vestir un traxe diferente ao de cada día, para xogar a ser quen queiramos ser, para afastar a vergoña, para rir... Son días de xoldra. 

Iso si, imos a ter que traer os prismáticos de novo e facer algunha proba mais a ver se descubrimos cal é o lado que se coloca nos ollos 😆


Pero chegou o momento de poñernos serios, ou non a verdade; pero si o de convidarvos a vós familias a sumarvos á nosa festa. O noso segundo festival!!!
Un festival no que choveu de todo e polo que pasamos dende gacelas ata pantasmas. Xa se sabe que en tempo de Entroido todo está permitido, ou case todo, e todo pode suceder.
Moitas grazas pola vosa tan necesaria colaboración. 



miércoles, 18 de febrero de 2026

Chuvia

Un novo agasallo caeu do ceo para nós. Ás veces non é chuvia o que as nubes deixan caer senon saraiba, grainzo, pedra, pedrazo, salpedrés... ou como na vosa zona chamen a esas boliñas brancas de xeo que... seica están frías. 
E puidemos tocalas, sentir como nos deixaban as mans conxeladas, como se derretían, tiralas aos charcos e ver que pasaba, camiñar sobre elas sentindo o ruído ao pisalas... E, como non, saltar nos charcos, desta vez ben grandes. 
Houbo que facer algún cambio de roupa, pero merece a pena.
Cantos descubrimentos, cantas alegrías, cantas incógnitas, cantas... cantas cousas grazas á chuvia.



Cociñando. Galletas

Esta vez fixemos galletas. Cada día podemos facer mais cousas sen ningunha axuda e de cada vez desfrutamos destes momentos de cociña. Que ricas nos souberon as galletas!!!



lunes, 16 de febrero de 2026

Enredando

Na realización das noas producións plásticas había interese por recortar; e foi así como xurdiu a necesidade de traballar esta técnica.

Comezamos polo primeiro, que é saber coller e empregar axeitadamente o útil, e fixemos as primeiras prácticas en papel de periódico. Con certo dominio da ferramenta e a técnica andamos agora a enfrontarnos a novos retos en papel co obxectivo de ir mellorando. 



Chuvia

Estes meses o tempo está a traernos moita auga e nos deixa poucos días para saír a xogar ao aire libre. Sen embargo sempre aproveitamos os pequenos momentos de calma para saír. 

Gustamos moito da sensación da chuvia caendo sobre nós, de correr e xogar deixando que se nos molle a cara sen que nos digan que non nos mollemos. Por suposto imos ben equipad@s e ademais contamos coa natureza para que nos axude a acubillarnos se chega algún chaparrón momentáneo. Foi grazas a un deses chaparróns que aprendemos que meterse debaixo dunha árbore cunha copa frondosa axuda a protexerse da chuvia se non é excesivamente intensa. E como aprendimos tamén que ás veces o que nos molla é a auga que quedou nas follas cando o vento as move. 

Para canto nos deu un pequeno chaparrón. 




domingo, 8 de febrero de 2026

Cociñando. Madalenas

Xa nos tardaba volver a cociñar. Desta vez fixemos madalenas. Mans lavadas, material colocado e ingredientes revisados segundo a receita. Podemos comezar.

Non pode haber mais motivación nestas propostas, incluso para aqueles e aquelas que despois non se animan a probar. Que mellor práctica dende o punto de vista motor, de atención, paciencia, control de impulsos, planificación e organización e un montón de cousas mais. E que mellor xeito de culminar o traballo que degustar o que nós mesmos fixemos.

Xa estamos a pensar na seguinte receita.