Canicouva

sábado, 18 de abril de 2026

Día do libro

O noso rato Mik que non pode parar de enredar e que ben sabe o que nos gusta a nós tamén enredar cos seus enredos, preparounos toda unha proposta para o Día do Libro. Unha exposición con información sobre a evolución do papel e da escritura, sobre o proceso de fabricación do papel e as consecuencias do mesmo para a natureza, e moitas outras cousas. 

Como é moito o que hai que descubrir e explorar, pois temos moitas cousas coas que experimentar, decidimos ir en varias xornadas. 

Esta primeira, descubrimos o que é a escritura cuneiforme. E como facer o noso nome empregando esta escritura resulta algo complexo para nós, deixounos un selos coas letras que mais familiares nos resultan.

Estamos desexando volver e seguir explorando. Grazas Mik e grazas a eses trasnos do bosque que ten por axudantes.


 

  

Saída ao Parque Forestal de Saians

Bosque: árbores, paxariños, insectos, sons e cheiros... e mil cousas mais nos agasalla a natureza, esa que temos a sorte de ter tan preto da casa. 

Esta foi a nosa saída a eses bosques dos que tanto levamos falado. Desfrutamos enormemente descubrindo, observando, asombrándonos... E tamén fixemos a nosa achega, unhas boliñas de sementes que alí deixamos como aportanción a unha terra que tanto nos da e que asegura a nosa supervivencia. Quedou en nós a semente da beleza cando somos quen de observala, do coidado da contorna, do desfrute sentíndonos libres... e quedou a nosa en esperanza de flores que alimenten aos insectos que continuen coa roda da vida. 

Grazas a Elena de Alados e a Diana por acompañarnos. E grazas á natureza que nos acolleu.



lunes, 6 de abril de 2026

Búsqueda

Tocou poñer a proba as nosas dotes de pescuda. Seica había ovos de chocolate agochados pola zona exterior e tiñamos que dar con eles. Pois xunto cos compis da grupo de 4 anos puxémonos en marcha. Coidado e atención eran elementos moi necesarios. Tamén o enxeño foi posto a proba e as habilidades físicas. Iso si, non quedou un sen atopar. Logo chegou o momento de repartir e comer, ou gardar, según a decisión de cada quen.

A verdade é que foi moi divertido. Non sabemos quen tivo a idea pero gustounos. Moitas grazas.



Cociñando. Ovos de chocolate

Pois esta vez tocou experimentar con chocolate. E fixemos uns ovos ben bonitos e ben ricos.

Unha proposta na que aprendemos sobre técnicas de repostería e na que puxemos a proba, entre outras moitas cousas: a paciencia, a atención, a capacidade para seguir instrucións, o equilibrio e a motricidade, o autocontrol, e os sentidos, porque claro está que probamos a materia prima e o resultado.

Moitas grazas a Vinca por guiarnos e acompañarnos. 


 

Picnic

Pois chegou a Primavera e, sobre todo, un tempo mais apacible que nos permitiu unha nova experiencia, a das merendas de picnic. Porque poder comer ao aire libre, sentido o vento, a calor ou o fresco, escoitar paxaros, ver bolboretas, ou formigas que se achegan quizais a por algunha migalla, etc é estupendo.

A estes primeiros seguiranlle moitos mais. É certo que temos que levar as lonas, a composteira, papel, as nosas merendas e a auga... pero ben merece a pena. Ademais supón novas aprendizaxes no que respecta a organización e responsabilidade.

Bo proveito!!


Compartindo

Xa sabedes do noso gusto por cociñar e por comer o cociñado. Pois esta vez, unhas cousas levaron a outras e decidimos convidar ao grupo de 1º, ese no que parte de nós temos irmáns, para compartir biscoito de chocolate. É un pracer comer o que nós facemos pero tamén o é compartilo cos demais. Moitas grazas compis por acompañarnos!!



Inverno

O inverno foi pasando e nós observando. Ao igual que en outono nos fixamos nas cores que mais definían esta estación, o mesmo fixemos no inverno. Observando a contorna e os diferentes días decidimos que cores pensábamos que eran as que mellor o representaban. Tamén decidimos experimentar con elas, pero o tempo deste inverno non nos acompañou demasiado e tivemos que agardar ao último día desta estación para aproveitar os raios do sol e saír a experimentar.

Igual que no inverno as pingas de auga fan camiños nas fiestras e os regueiros os debuxan nos terreos empinados deses bosques que este curso temos tan presentes, así creamos nós os noso camiños. Vendo que sucedía cando dous deles se xuntaban, que acontecía cando un lado do papel subía mais que o outro... 

Resultou moi interesante. Agora faremos un para cada un en formato algo mais pequeno. Este grande xa forma parte da parede da escola na que imos deixando pegada dos nosos descubrimentos. 

A pesar de ter que agardar, grazas tempo e grazas inverno, vémonos de novo logo do próximo outono.