sábado, 15 de noviembre de 2025

Samaín

A nosa primeira celebración, logo da Reapertura da Biblioteca, chegou uns días despois. E, como non podía ser doutro xeito, houbo de novo disfraces. 

Entre disfraces e visita a casa dunha meiga do bosque amiga de Rocío mais o túnel do terror e cociñar un biscoito, pasounos a semana nun pis pas. Tan atarefadas e atarefados andivemos que non sentimos nin o medo, se é que era iso o que tiñamos que sentir. Bueno, houbo a quen non lle caeu moi simpática a meiga, pero había tanto que ver e descubrir nese lugar no que todo brillaba...

Grazas ás meigas que o fixeron posible e, como non podía ser doutro xeito, a vós familias, por axudar a que estes momentos sexan especiais. 




Pois alá fomos a ese espazo especial no que habitaba a meiga. A invitación fíxonola Mik dende a biblioteca. Preparounos grupos mesturando a todo o alumnado de Infantil e o de 1º de Primaria, así que foi un momento no que compartir cun montón de compañeiros do cole. 
A meiga propúxonos unha chea de retos: recuperar a súa vasoira, crear caras en cabazas segundo un modelo, atopar bichos e ata descifrar e elaborar unha pócema que as mais valentes e os mais valentes puideron probar.



Canto nos agasalla cociñar!! Para nós foi a primeira experiencia compartida arredor dos ingredientes; e de seguro que repetiremos pronto.
Cociñar permítenos observar transformacións, coñecer ingredientes, mellorar a precisión e o dominio da nosa motricidade, desfrutar, ou non, con cheiros, texturas e sabores... así como compartir experiencias e o pracer de probar, comer e que outros coman algo feito coas nosas mans, o noso coidado, a nosa atención e o noso esforzo.






Reapertura da biblioteca

Outra das cousas que mais nos gustan e "xogar a ser". A ser outras persoas, outros seres... Isto facémolo no nosos xogos cada día, e é un elemento de aprendizaxe e pracer moi grande. 

Sabedor destas cousas, o noso rato de biblioteca, que sempre nos está a observar, propuxo para a reapertura que nos disfrazásemos de seres do bosque, eses que o coidan e gardan o seu equilibrio. Tamén nos convidou a unha sesión de cine centrada igualmente no bosque e a súa protección, para o que a biblioteca estaba especielmente preparada.

Recollemos as mochilas viaxeiras e demos por comezadas as nosas visitas a este espazo tan especial que sempre garda sorpresas e mundos máxicos para nós. 

Moitas grazas á fada que axudou a que o espazo estivese así de bonito e a esas trasniñas que sempre andan a argallar.

Se queredes ver mais cousas da nosa Biblioteca podedes visitala na páxina web do cole ou clicar no ratiño de abaixo.







Flores

Xa sabedes que gustamos moito de compartir tempo coa natureza e ao aire libre. Espazos que nos aportan alegría, xogos, descubrimentos, calma...

Pois para traer un anaquiño desa natureza a cada momento, decidimos engadir, ás plantas que xa temos no interior da aula, unhas para poñer na nosa fiestra. Esa dende a que vos damos o último ata despois antes de comezar unha nova aventura cada xornada. 

Esperamos que a vós tamén vos alegre a vosa mañá ata que nos veñades a recoller.