Canicouva

sábado, 13 de diciembre de 2025

Saída a O Marco

Esta foi a nosa primeira saída. Tivemos a sorte de poder acudir ao Marco a unha proposta chamada Argallar vencellada ao Proxecto Terra, no que Infantil levamos xa varios cursos participando. Unha proposta na que o xogo, os espazos, a arquitectura, as formas... foron os elementos chave.


Logo do tempo se xogo libre e experimentación foi o momento do taller. Aquí tamén o xogo foi un aspecto fundamental, pero guiado por unha persoa experta.
Grazas a ela e a todas as que tan ben nos recibiron polo seu tempo compartido con nós.



Os nosos primeiros charcos

Xa fai tempo que vos dixemos que para iniciar a nosa andaina na escola íamos a precisar roupa e botas de auga e vos contamos o importante que era para nós. É certo non foi este o primeiro día que fixemos uso de todo isto, pero quizais foi esta xornada a súa estrea ao grande. 

Sucedéronse días de chuvia, tan necesaria para a vida. Días que ademais traen para nós un enorme agasallo: moita auga no areeiro. Auga que nos abre infinitas posibilidades e aventuras. Tamén aprendizaxes. A compartila, a facernos entender e traballar en equipo, a resolver conflitos, a sentir temperaturas, texturas..., a deixar voar a imaxinación, a enfrontarnos a retos e buscar solucións, a facer trasvases, a desenrolar a nosa motricidade... E si, a ir adquirindo os requisitos necesarios para a lectoescritura e a lóxica matemática. Pero tamén os valores, a resiliencia e as competencias que nos axuden a pasar pola vida do xeito mais feliz posible.

As nosas caras dan conta da ledicia que experimentamos este primeiro gran día de auga.



Outono

Dende que chegou o Outono fomos observando os cambios que teñen lugar na natureza e na nosa contorna con esta estación. Falamos de alimentos, de cores, de animais; tocamos, cheiramos e vimos diferentes follas, ramas, arbustos... 

E con toda esta información saímos un día ao exterior do cole para descubrir qué árbores estaban no proceso de cambio e cales non, qué cores tiñan as súas follas, se había moitas xa polo chan... Logo escollemos de entre unha selección aquela que mais nos gustamos e xuntos fomos vendo se había algunha que tivese varias cores. Atopamos unha que tiña cinco!!!

Foi un paseo fermoso, calmado, no que a nosa atención estivo moi presente. Ata sacamos eses prismáticos que sempre levamos con nós. Soamente fai falla dirixir a mirada coa intención de buscar algo. E logo do paseo chegou o momento de empregar esas cores das que tanto falamos. Empregamos pigmentos naturais e a auga que a natureza nos agasalla e que os charcos gardan. Foi estupendo ver como o pigmento en po precisaba da auga, como a auga xa estaba alí, como esta auga tamén se coloreaba cando os nosos pinceis a tocaban... Cantas sorpresas e aprendizaxes compartidas entre risas, movemento e desfrute. A maxia que gardan as cousas mais simples.