Canicouva

domingo, 1 de noviembre de 2026

Reapertura da Biblioteca

Como xa sabedes, este curso imos a dar A volta ao mundo en 175 días.

Para comezar a viaxe, o noso amigo Mik, propúxonos un xogo de orientación. Grazas a el descubrimos un obxecto ben curioso: a brúxula; coa que tivemos que orientarnos para localizar a rosa dos ventos da escola. Resulta que cabíamos todo o grupo no seu interior. Logo levounos á sala de xogos, onde tivemos que acordar que ruta críamos que seguiu Fogg e o seu axudante na súa viaxe, marcala, comprobar se acertáramos e marcar a ruta real, para regresar á biblioteca e esta vez, coas probas superadas, poder entrar e recoller, entre outras cousas a maleta que nos acompañará na viaxe. 

Este Mik, mira que nos pon a proba!

Moitas grazas ao noso rato por estas aventuras, e a Sara por acompañarnos e axudarnos a chegar a cada un dos lugares indicados. 


Se queredes saber mais das cousiñas da biblioteca, non esquezades visitar o seu blog de vez en cando. 


Cociñando. Madalenas de laranxa

Polo cheiro que moitos días vos da a benvida cando chegades á escola, xa sabedes a que nos dedicamos con certa frecuencia. A poñer as nosas habilidades a traballar para obter como resultado dun traballo en equipo onde a concentración, a atención, a espera, o cariño e o coidado, xunto coa orde temporal e as habilidades manipulativas, algo que ademais de cheirar ben, sabe estupendamente. 

Moitas grazas a Mónica polo seu acompañamento nesta receita e tamén a cada un dos nosos compañeiros e compañeiras, pois o resultado depende de cada un de nós.

Cada vez dominamos mellor o manexo de todos os útiles. 

Que marabilla cando aprender e afrontar retos sabe ben. 



Magosto

E chegou o Magosto. Aínda que non pareza moito tempo de Outono, xa fai semanas que a estación fixo a súa entreda. E que é o Outono sen Magosto? Unha das nosas tradicións nas que a colectividade, o encontro e o compartir son un elemento esencial; como na maioría delas. 

Pasamos unha mañá moi agradable facendo xogos coas compañeiras e compañeiros do noso ciclo e tamén de 1º e 2º. Os primeiros xogos así comunitarios para os nosos compis de 3 anos. O curso pasado foi a nosa estrea e este, a deles. Por iso os tivemos en conta especialmente, coa intención de que a súa experiencia fose positiva.

Logo de xogar tocou repoñer forzas comendo unhas castañas. Aquí a habilidade na motricidade fina é toda unha vantaxe á hora de abrilas. E para rematar recoller e limpar, por suposto.

Moitas grazas a vós familias pola vosa colaboración, ás mestras que nos acompañaron e axudaron e aos compis cos que compartimos xogos e degustación. 



jueves, 22 de octubre de 2026

Enredando

Como xa vedes, sempre andamos a enredar. Desta vez levamos uns días probando como é iso de facer camiños con curvas. Primeiro co noso corpo todo. Moito rimos con tanta volta. Logo movementos mais reducidos empregando un coche e unha chea de obstáculos. Para poder pasar a facelo en papel en gran formato.

Todo isto porque é necesario coñecer o movemento e practicalo co corpo, sentilo en todo nós, para logo poder levalo á nosa man e a un plano con soamente dúas dimensións. Xa vos adianto que o noso seguinte paso foi tentalo en papel en formato mais pequeno.

Ao tempo que aprendemos a agardar, aspectos relativos á direccionalidade, traballamos a atención...


 


Visita da Banda de música de Beade

Case non pasaron mais que uns días dende que regresamos e tivemos a gran sorte de que a Banda de música de Beade viñese a tocar para nós. É un pracer poder desfrutar de música en directo e ademais dunha actuación cun repertorio pensado para nós. 

Coñecemos un montón de instrumentos e tamén descubrimos que non serve calquera cousa para dirixir. Que soamente a batuta é quen de facer tocar a todos os instrumentos a un tempo. 

Foi unha experiencia estupenda. Moitas grazas por esta visita tan agradable. 



 

Cociñando. Biscoito de chocolate e remolacha

 Aquí nos tedes coa nosa primeira receita do curso: biscoito de chocolate e remolacha. Ese que fixemos con todo o cariño para as familias de 4 e 5 anos, para que, xunto co elemento salgado que elaboraron os de 5, puidésedes conversar distendidamente logo da reunión de inicio de curso. 

Logo fixemos un para comer nós, por suposto.

Este biscoito descubriunos a remolacha e algunha das súas características, como que tingue os dedos e todo o que entra en contacto con ela. Desfrutamos de ver como a masa ía cambiando de cor e pasaba a ser lila e logo marrón chocolate. Tamén probamos a remolacha, e o chocolate, claro. E fixemos un grande esforzo por aceptar que non podíamos comelo. Non tan grande sabendo que era para vós. E que pronto íamos a facer outro que sí poderíamos comer. 

Moitas grazas a María José pola súa axuda.



 

Primeiro día

Que mellor xeito de comezar o curso que xogando. Xogando cos compis de aula e tamén cos mais maiores. Facendo, reforzando e lembrando eses lazos iniciados o noso primeiro curso de escola e indo un chanzo mais aló, porque esta é a primeira vez que comezamos o curso con esta proposta xa instaurada. O pasado aínda estábamos en proceso de adaptación a un sinfín de novidades. Este, xa estamos listas e listos para mergullarnos entre un montón de compis, mais ou menos coñecidos, para compartir xogos, carreiras, risos, miradas cómplices... 

Aquí deixamos algunhas fotos que dan mostra de todo isto e mais. Foi un reto novo que queda superado.  

Moitas grazas a tadas aquelas persoas que puxeron da súa parte para que gardásemos un feliz recordo do primeiro día de cole. 



Benvid@s

 Benvid@s a este novo curso. Comezamos a nosa viaxe!!!