Canicouva

lunes, 27 de diciembre de 2021

Nadal. O Apalpador

Tivemos unha visita máxica: O Apalpador!!! 

Toniño contounos un conto sobre esta personaxe, cantamos unha canción do Apalpador e debeu ser iso que...TOC,TOC,TOC chaman á porta. Quen será? Rápido a tumbarse cas barrigas cara arriba que ao mellos é o Apalpador. E alí estaba.

Grazas a Toniño pola súa historia e ao Apalpador e aos seus axudantes por vir dende o Courel a visitarnos e ademais traernos un agasallo.





Nadal. Uxía Lambona

Unha visita, unha sorpresa e un gran momento. Roscón e Uxía Lambona viñeron para cantar e tocar para nós. Houbo risas, bailes e moita ilusión e concentración. Por un tempo non existiu mais que dous artistas enriba dun anaco verde. Ata nos visitou a vaca Muxía, despois de moito chamar por ela, iso sí.

Como agradecer que teñan compartido o seu tempo e o seu talento con nós, para facernos felices e para que un día de escola se convertise nun día único e especial, sen mais pago que vernos desfrutar. Grazas por estar sempre dispostos a acompañarnos.

Clicade na imaxe


Nadal. Árbore

 Este ano, en Infantil, tivemos unha árbore propia que decoramos de maneira colectiva.


Clicade na imaxe


Nadal

O noso Mik fíxonos chegar moitas propostas nese "Calendario de Adviento". Unha delas foi a creación dunha árbore de Nadal empregando material non estructurado. Aquí vos deixamos algunha imaxe dese proceso. Eles e elas foron os artífices do seu deseño e decoración a partir do material que nunha cestiña deixou para nós.

Se queredes ver as propostas das demais aulas, xa sabedes, accedede ao blog da Biblioteca dende a páxina da escola.








Contos de Outono

Aquí está o último conto de Outono e a actividade que o acompañou. Esta vez foi un libro pop-up moi chulo o que serviu para petar na nosa imaxinación e creatividade e en todas esas imaxes, sons, texturas e cheiros de outono que garda a nosa mente. E con todo iso a flor de pel, chegou o momento de crear.

Clicade na imaxe


domingo, 26 de diciembre de 2021

Talentos. Familia de Diego

O avó de Diego, Fernando, visitounos para amosarnos dous dos seus talentos. Primeiro uns bonecos que fai el mesmo e que logo pinta con moita delicadeza e que o axudaron no tempo de confinamento, cando non podía desrutar dunha actividade que lle gusta moito, a fotografía. Como non podía traer a máquina que emprega para a confección das figuras, enviounos un vídeo, así como fotografías de diferentes bonecos, parte dos cales trouxo para que os vísemos. Ademais de explicarnos moitas e interesantes cousas, deixounos, de agasallo, unha tartaruga para cada un.

Para a segunda parte tivemos que saír ao exterior, pois sabe manexar drons! Logo de informarnos de todo o necesario o puidemos ver de preto e tocar e despois....a voar! Ata escoitamos a torre de control do aeroporto. É necesario levar un transmisor que permita saber os despegues e as aterrizaxes cando se manexa o dron nun radio de 8km ao mesmo, pois a seguridade é fundamental. Xa vedes que aprendemos unha chea de cousas. 

Moitísimas grazas por esta visita, como sempre é un luxo poder contar ca vosa colaboración. 



miércoles, 8 de diciembre de 2021

Charco

Hai un dito que di que "despois da tormenta sempre chega a calma" e, para nós, a diversión. Os días de areeiro logo dun día chuvioso son recibidos con alegría, pois sabemos que case con total seguridade estará un gran charco agardando por nós.

Aquí quedan algunhas fotiños dun novo día de charco, diferente aos demais, pois cada día de charco é un novo día, con novas experiencias e descubrimentos, novas invencións, novas ideas e retos. Tempo para traballar en equipo e tempo para estar en soidade, tempo para desenvolver a atención e a concentración. Hai quen elixe un lugar e non se move, concentrado na súa tarefa, e hai quen prefire ir cambiando de actividade e compañía.

A auga freca nas mans é un pracer, ser salpicad@ perde importancia, as texturas pegañentas son buscadas para sentir como os pés quedan case pegados ao chan, como se a area tirara por eles cara abaixo mentres pretendemos levantalos para saír; a procura do estado mais axeitado para facer bolas ou "albóndigas" enche o tempo.... E todo grazas a un arreiro e algo de chuvia.

                                                                                        Clicade na imaxe

 

domingo, 5 de diciembre de 2021

Talentos. Familia Naiara

E como xa dixemos que comezamos a respirar o Nadal, desta vez a nai de Naiara trouxo para compartir o seu talento con nós unha manualidade de nadal. A verdade é que moito nos gustaron esas boliñas que con tanto agarimo trouxo xa feitas. Logo de escoller a que mais nos gustase, montamos o noso nome (cas letriñas que tamén recortara na casa e traía preparadiñas) e o pegamos onde nos pareceu. E chegou o momento de ir escollendo formas e cores de goma eva para prepralas nós mem@s e logo pegalas. 

Foi todo un traballo de organización, deseño, delicadeza....e moita pacencia pola nosa parte agardando a quenda e a axuda; pero mereceu a pena.

Moitas grazas a Montse por vir a compartir este tempiño con nós e tamén o seu talento, así como por todo o seu traballo previo.

                                                                                        Clicade na imaxe

Nadal

E xa comeza a cheirar a Nadal, e xa parece que todo reloce e que as cores e os brillos xorden por todas partes. E xa chegou tamén o noso calendario de adviento particular da man de Mik. Un calendario con curiosidades, enlaces para cancións e curtas, propostas de receitas, adiviñas, quebracabezas....e vai ti a saber que mais 🎄. Así que cada día toca facer unha visitiña á entrada da biblioteca e abrir o sobre que corresponde. Estamos list@s para as sorpresas.






Día contra a violencia de xénero

O 25 de novembro foi o Día contra a violencia de xénero e dende o centro sumámonos a dúas propostas. Unha chegou dende a ANPA e foi o colofón final dunha serie de actividades sobre a igualdade que se levaron a cabo en diferentes cursos. Trouxeron como agasallo unha camiseta co lema A NATUREZA É DIVERSIDADE, SÉ NATURAL, buscando tamén a súa vinculación co noso proxecto sobre os seres vivos en perigo de extinción e o coidado do planeta. E con ela posta bailamos a canción La puerta violeta de Rozalén. 

A segunda proposta chegou da man de MIK. Recomendounos a lectura do libro Don caballito de mar e enviounos uns vídeos con algunha curiosidade sobre este animal tamén en perigo de extinción. Entre elas, que é o macho o encargado de xestar e traer á vida as súas crías, como sucede con outras especies mariñas. Ademais animounos á elaboración de xeito plástico dun cabaliño de mar similar ao da portada do conto por parte de todo o alumnado, así como a decoración das letras que conforman o lema das camisetas. 

Deixamos aquí algunhas fotos, aínda que o lema non estaba de todo rematado, pois lle faltaban uns detalles gramaticais por engadir.

Graciñas á ANPA pola súa proposta e por ese traballo sobre igualdade e a tod@s pola vosa participación.