Xa comezou a andar hai xa uns días a nosa pescuda sobre os talentos que hai nas vosas familias. E dun deses talentos, sae esta visita.
Todo comeza cunha invitación para compartir ese talento musical de Bea, a nai do noso compañeiro Alexandre. Ela acepta encantada e ben a compartir con nós unha chea de cousas. A amosarnos fotografías de cando cantaba na ópera, a propoñernos representar un anaquiño de unha, para o que necesitará alguén que faga de pai e alguén que faga de morto. E non pensedes que foi fácil, tivemos que facer sorteo. O papel de pai tocoulle a Naiara e o de morto a Nora. O resto tiñamos que chorar rodeando a Nora. Pero antes, como saber o ton no que cantar? Pois Bea tiña para iso un obxecto máxico que, cando o achegabas á orella logo de darlle un golpiño, facía soar a nota LA. E fomos probando, por suposto. Xa preparados, a soprano toma o ton e a cantar!!! E menudo volume!!!
A cousa non quedou aquí, pois amosounos outro obxecto para saber a velocidade á que cantar e tocar, un metrónomo. E volvemos experimentar, desta vez cantando "cumpleaños feliz" a distintas velocidades.
E ensinounos o libro de partituras que hai que aprender para interpretar unha ópera e contounos que sempre lle gustou a música e que a súa era unha familia de gaiteiros. A ela custoulle un chisquín que lle deixaran tocar a gaita, pero tivo un apoio fundamental, a súa avoa. E non ía a marchar sen tocarnos este instrumento, claro.
Un pracer, moitas grazas por esta oportunidade e por compartir con nós este talento, foi un privilexio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario