Canicouva

jueves, 28 de marzo de 2024

Día da Muller

Con motivo do Día da Muller (8 de marzo) o noso amigo Mik preparou para nós toda unha serie de propostas. Primeiro enviounos información sobre catro mulleres destacadas tanto por aspectos deportivos como persoais: Teresa Portela, Julia Benedetti, Tamara Echegoyen e Lidia Parada. Despois de telas coñecido tocou un percorrido polo cole seguindo unha serie de pistas para chegar a catro lugares, cada un dedicado a unha destas mulleres e cunha proposta diferente. Tivemos que contestar preguntas, buscar parellas para completar imaxes, crear arte con fio ao son dunha música dos Xogos Olímpicos de París e ata practicar a lanzar a xavelina.

Aquí vos deixamos unha mostra.

Moitas grazas a esas mulleres que coas súas ideas e o seu traballo axudaron a Mik nestas propostas.

Clicade na imaxe

Sigamos voando.


Enredando: xabón de lavanda

E se facemos xabón???? Pois claro, encántanos facer cousas novas, e enredar, e transformar, e descubrir, e experimentar... Que agasallo é cando as propostas van seguidas do entusiasmo. 

Pois aló fomos. E comezaron os olores, e as preguntas, e os descubrimentos... E isto que é?- Ah, lavanda. E isto duro?- Glicerina. Vaia, despois de sair do micro xa non está dura. E isto?- Colorante; claro, así podemos facer xabón lila. E isto?- Esencia de lavanda, para que cheire mais.  E así foi como entre pregunta e pregunta, entre cheirar, tocar, remexer, botar e deixar pasar algo de tempo descubrimos algo de "alquimia", ou sería maxia?, ou ciencia?

Por suposto probamos o noso xabón. E como nos gusta!, que cheiriño queda nas mans!!

E outro dos nosos xabóns foi de agasallo ao primeiro escritor desta tempada. Seguro que tamén lle gustará lavar as mans con el.

Clicade na imaxe

Moitas grazas a quen fixo posible esta experiencia.



Novidades

Estes días chegaron á nosa biblioteca de aula uns libros con imáxenes reais moi chulos e que ademais nos serviron para establecer conexións cos animais do bosque en inverno sobre os que andamos a pescudar e tamén a mergullarnos no extenso mundo das cores e as escalas cromáticas, conectando cun material que xa ocupa un lugar nos nosos andeis e co que xa comezamos a argallar.

Os libros con imaxes reais teñen a súa importancia por moitos aspectos: axudan a ordenar a mente por medio de percepcións sinxelas e claras, a entrar en contacto co noso arredor, teñen un grande poder para emocionar e espertar sentimentos, axudan a establecer conexións coa nosa realidade e a descubrir outras novas, espertan a nosa curiosidade...


Deixamos unhas pequenas fotos dos nosos comezos explorando cada unha das cores a partir do libro. Continuaremos.

Clicade na imaxe


lunes, 4 de marzo de 2024

Conto con LSE

A Lingua de Signos xa fai moito que está presente no noso día a día e non soamente como medio para visibilizala, darlle normalidade ou poñela en valor, senon por moitas cousas mais. Pois temos a sorte de ter unha nai que é unha experta e, mais sorte tivemos aínda, cando aceptou vir a contarnos uns contos con LSE. Moitísimas grazas a Verónica por agasallarnos o seu tempo e esta estupenda experiencia.

Quedan aquí algunhas das razóns polas que valoramos a presenza da LSE no noso quefacer diario e tamén unhas fotiños dese momento compartido con Verónica.


Clicade na imaxe




 

domingo, 3 de marzo de 2024

Entroido

O Entroido é época de diversión, xogo, trasnadas sen malicia, transformación... Pará nós tamén é momento de baile, teatro, ensaios e festival. É tempo de compartir entre nós e con vós familias e demais persoas que formades parte do noso centro. Temos que agradecervos a todos a vosa participación e colaboración. 

A semana anterior ás vacacións seguimos as ordes do noso Meco, comimos unhas filloas ben ricas grazas a Manuel, Julia e á súa nai e desfrutamos dunha xornada de festa colectiva.


         
                                    Clicade na imaxe                                                                   Cicade na imaxe